Friday 03 de May de 2024

Rosalía actuará na Coruña o 29 de xullo dentro da súa xira mundial


O Concello da Coruña e o Xacobeo colaboran para conseguir que a artista presente o seu novo disco no Coliseum da Coruña

A artista Rosalía confirmou hoxe que A Coruña será unha das paradas da súa xira mundial para a presentación do seu último traballo ‘Motomami’.

O concerto na Coruña celebrarase no Coliseum o 29 de xullo grazas ao patrocinio conxunto do Concello, a través do Consorcio de Turismo, e da Xunta, a través do Xacobeo. Será a única parada galega da xira mundial de presentación do seu novo disco.

Este concerto enmárcase na aposta do Concello da Coruña de situar á cidade no circuíto das mellores xiras internacionais e no seu compromiso por recuperar a celebración de grandes eventos culturais na cidade.

O concerto encádrase no marco da programación do Xacobeo 21-22, polo que conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia co obxectivo de promover a celebración deste Ano Santo excepcional. De feito, neste ano o Goberno galego está a apostar pola celebración de eventos musicais multitudinarios que permitan situar a Galicia no imaxinario colectivo, especialmente no ámbito internacional, promocionando o Camiño e Galicia entre peregrinos e visitantes.

A artista catalá é na actualidade unha das cantantes españolas máis premiadas e recoñecidas do mundo e o seu novo disco ‘Motomami’ xa bateu récords con 5,79 millóns de streams nas primeiras 24 horas do seu lanzamento.